anécdotas dunha avoa do século XXII

entereime de que naceras

porque túa nai puxo ‘parindo’

no estado de whatsapp

e puiden mandarlle tranquilamente

un par de iconos sorrintes e distintos corazóns

para felicitala

.

na antigüidade bautizaban ás nenas

e dábanlles un nome

co que presentarse ao mundo

.

a ti fixémosche un instagram

a meta é revivir

Existen aldeas mortas no interior de Galiza. Tamén hai cidades grandes e repletas de persoas que andan de aquí para alá co fin de destacar. Nas aldeas mortas destacan as paredes derrubadas, a vexetación imparábel, as teas de aranha entre as árbores. Aquí, o simple feito de caminhar provoca cambios fundamentais, como se dalgunha maneira se estivese a alterar a natureza do lugar misterioso. Coma nunha viaxe ao pasado con inevitábeis consecuencias.

O meu interior é coma unha aldea morta de Galiza. Quedei sen habitantes, pero non sen paisaxe. Son eu a que decide quen entra aquí, xa que unha pisada podería cambiar a estrutura do meu pensamento. Aventúrate, senta na herba, faime un colar de flores. Benvida.